Acción pictórica: Xabier Correa Corredoira interpreta a obra Trasmundo que Laxeiro pintara en 1946

Os vindeiros 16 e 17 de outubro, a Fundación Laxeiro acollerá unha intervención do artista Xabier Correra Corredoira (A Coruña, 1952) que consistirá na realización en directo, dunha versión do Trasmundo de Laxeiro.

Trasmundo, pintado en 1946 é unha das obras clave da pintura de Laxeiro e, seguramente da arte galega do século XX. Considerada como a obra que pecha a primeira época do artista, condénsanse nela todas as súas constantes pictóricas, como o horror ao baleiro, unha interpretación moi persoal dos pórticos do románico e o barroco galegos, a convivencia de rexistros e etilos diferentes que intensificaría máis adiante, co que se chamou a ruptura do estilo único, un certo tenebrismo, a esperpentización dos personaxes e unha convivencia moi característica do mundo real con outros mundos imaxinarios, á maneira dos relatos do escritor americano H.P. Lovecraft (cuxa obra comezaba a ser traducida ao castelán, por aqueles anos). Trasmundo é ademais unha magnífica representación do pensamento máxico, característico das culturas tradicionais, anteriores á Ilustración. É unha invitación a atravesar a barreira da razón, para introducirnos noutros mundos, relacionados coa fantasía, o mundo onírico e a maxia. Moitos críticos e artistas ven nesta obra, unha sorte de Xardín das delicias en clave galega.

O artista Xabier Correa Corredoira levará todo isto á súa linguaxe, concretando na súa pintura, unha serie de ideas e sentimentos que a obra de Laxeiro sempre provocaron nel, dende os anos nos que comezaba a aventurarse no oficio de artista, traendo ao presente moitos recordos e sensacións do que o personaxe de Laxeiro significou para el como pintor e tamén como home entrañable a quen coñeceu.

Con esta acción, Xabier Correa Corredoira quere materializar unha testemuña interxeracional pola que viaxen as emocións da creación artística e da cultura.

A obra resultante será doada á Fundación Laxeiro, por iniciativa do artista.

Esta acción é posible tamén grazas á colaboración de Arte y Cerámica quen proporciona os materiais necesarios para levala adiante.

Xabier Correa Corredoira

Nacido n’A Coruña en 1952, nun primeiro momento inclinouse pola literatura e será a partir de 1975 despois de abandonar os seus estudos de arquitectura, cando comeza a traballar como pintor, escultor e gravador. É neses anos cando, xunto cos seus amigos, os artistas Xaime Cabanas e Mon Vasco, funda o grupo A Galga e máis tarde, xa nos anos oitenta, formará parte do coruñés Gruporzán que promovía unha forma de produción artística autoxestionada e que supuxo un auténtico revulsivo no panorama cultural coruñés. Por aqueles anos estase a formar tamén o grupo Atlántica que resultou ser un movemento decisivo na renovación da arte galega e del que Xabier Correa sería un dos membros destacados.

A obra de Xabier Correa Corredoira iníciase dentro dos parámetros do expresionismo que a finais dos anos setenta e primeiros anos oitenta, volvía ser reivindicado no panorama internacional, como unha volta á pintura de pulsión e de xesto. A súa obra irá evolucionando cara á figuración que terá o corpo humano como principal tema expresivo, sen abandonar totalmente os trazos expresionistas que, desta volta, se integran nunha formulación máis complexa da súa pintura. A partir dos anos noventa, descubrirá unha nova forma de relacionarse co espazo visual e físico, mediante unha re interpretación da perspectiva, a cor e o trazo e comezará así a interesarse polo xénero paisaxístico para, nestes últimos anos, chegar a una síntese dos temas, as linguaxes e as técnicas que sempre lle interesaron, como son a figura humana, a paisaxe, a cor e a luz e o trazo expresivo que vai organizando a superficie pictórica en constante pugna coa mancha de cor.

A súa pintura ten numerosas afinidades coa obra de Laxeiro, quizais máis como actitude con respecto a como enfrontarse ao lenzo (que para ambos artistas sempre é dende a paixón e a acción) que polo seus intereses concretos, máis alá dun certo expresionismo no que ambos coinciden. Así, se o de Lalín, comezara por practicar a coñecida estética granítica con atmosferas tenebristas para, máis tarde, achegarse a linguaxes informalistas, Correa comeza no expresionismo dende formulacións moito máis luminosas e narracións menos ancoradas nunha iconografía cultural concreta.

Esta experiencia desenvolverase con público convidado para o que as persoas interesadas só teñen que poñerse en contacto coa Fundación Laxeiro no correo electrónico fundacion@laxeiro.org  para efectuar a súa reserva. O aforo é limitado.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2017 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo