A Consellería de Cultura e Educación participa na clausura do ciclo de conferencias ‘Laxeiro e os renovadores da vangarda histórica galega’

05.12.2012

O secretario xeral de Cultura asistiu o pasado martes, 4 de decembro ao último destes relatorios, que ao longo do mes de novembro afondaron no proceso renovador da arte galega no século XX

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participou na clausura do ciclo de conferencias ‘Laxeiro e os renovadores da vangarda histórica galega. Orixe, contexto e transcendencia’, que durante os martes do mes de novembro afondou no proceso renovador da arte galega no século pasado.

O secretario xeral de cultura, Anxo Lorenzo, asistiu ao último destes relatorios, por cuxa organización felicitou á Fundación Laxeiro. Neste sentido, salientou a calidade do programa do ciclo e o conxunto de temas tratados, “que permite completar unha análise ampla do contexto da renovación dese grupo de artistas de primeira orde como Laxeiro, Seoane, Souto, Colmeiro ou Eiroa, entre moitos outros”, tal e como sinalou, “un grupo de artistas que mudaron a maneira de facer arte neste país”.

O ciclo desenvolveuse na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela durante os martes do mes de novembro e nel ofreceuse unha perspectiva transversal sobre este conxunto de pintores. Así, tal e como sinalou Lorenzo, foi posible “unha reflexión profunda baseada no contexto, nos condicionantes políticos e culturais dese tempo, e mesmo nas relacións cos movementos que se estaban a producir noutros puntos do mapa, máis aló dunha análise estritamente estética”.

O legado dos nosos movementos culturais
O secretario xeral de Cultura salientou a boa acollida deste ciclo e a importancia da “implicación colectiva en comprender o legado dos movementos culturais que marcaron a nosa historia social e cultural, neste caso, nos comezos do século XX, que foi ao mesmo tempo debedora de toda a creación artística anterior, aínda que fose para anovar sobre ela”.

Tras a intervención do secretario xeral, o director do ciclo, J.M. López Vázquez, pronunciou o relatorio A tradición negrista, de Goya a Os Renovadores, no que fixo un percorrido pola obra española nesta tendencia pictórica. O ciclo pechouse con “Notas para unha pintura antropolóxica. O caso de Laxeiro”, no que Xosé Antón Castro afondou nos rasgos característicos da obra deste autor.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo