A caza de Elena Fernández Prada prorrogada ata o 30 de agosto

Título: A caza
Artista: Elena Fernández Prada
Comisario: Javier Pérez Buján
24 de abril-12 de xullo (prorrogada ata o 30 de agosto)
Sala B.
A caza é a primeira exposición individual de Elena Fernández Prada en Galicia, despois das individuais Viaje a Surinam en La New Gallery, Madrid, en 2012 e Buscando la felicidad no Centro Tomás y Valiente de Fuenlabrada, en 2014. A artista ven de participar na exposición colectiva titulada “Lo real maravilloso“, no (MOT) Museum of Contemporary Art Tokyo en Japón, ademais de estar presente tamén na exposición colectiva titulada 1915-2015, una relectura del siglo, dentro do Festival SYMPHONOS que tivo lugar os  días 9, 10 e 11 de abril no Centro Cultural Conde Duque de Madrid.

O PROXECTO

 

A Fundación Laxeiro presenta a exposición individual titulada A caza, de Elena Fernández Prada (León, 1971). O proxecto enmárcase dentro da investigación que a artista leva realizando nos últimos anos sobre os procesos de representación figurativa e a súa descontextualización, unha investigación que pon de manifesto a relativización da idea de mímese e, con ilo, as diversas convencións que en cada época e en cada contexto, posibilitan a lectura de códigos concretos en clave representativa.

A caza componse de diversas pezas formadas por imaxes extraídas dos tomos titulados Ciencias naturales y Curiosidades del reino animal, pertencentes á Enciclopedia Bruguera, editada en 1978, a partir das que a artista realiza un traballo de apropiación, descontextualización e condensación de imaxes para construír unha obra que evidencia o cambio da relación entre o home e a natureza nos últimos trinta anos. O propio título da exposición –A caza– fai referencia ao estrañas que resultan agora, vistas con perspectiva, as escenas que se recreaban en aquelas enciclopedias divulgativas, destinadas principalmente ao público infantil e xuvenil, nas que a violencia sempre estaba presente na natureza e na relación do home con esta.

A exposición componse de Isla, un mural realizado en tinta negra, aplicada directamente sobre a parede, que ocupa a totalidade de un dos panos da sala (600 x 250 cm.); a serie que da título á exposición, formada por cinco gravados realizados coa técnica de punta seca sobre papel e por tres tintas negras sobre papel; e un conxunto de retratos de diversas especies de simios, realizados en tinta negra sobre papel e expostos en vitrina, a modo de gabinete de ciencias naturais, baixo o título xenérico: Ellos.

Neste traballo están presentes elementos que son unha constante na produción de Elena Fernández Prada, como a relación entre a representación artística e a representación científica ou, neste caso, divulgativa; a caducidade da organización do saber e, por tanto, da construción do discurso científico; e a relatividade da representación figurativa como ferramenta de representación dunha realidade obxectiva.

A MONTAXE

Elena Fernández Prada volve xogar con esas variables utilizando a composición de imaxes mediante o recurso da condensación, compoñendo as acumulacións neobarrocas características do seu traballo que, neste caso, abandonan a cor para construír unha montaxe realizada totalmente en branco e negro, o que dota de certa sobriedade ao proxecto, e introduce un interesante contraste entre ol exceso compositivo e a limitación do cromatismo ao branco e negro.

A sobriedade rexe tamén a montaxe, solucionada coa exhibición das pezas sen enmarcar, tanto nas vitrinas como nas paredes e incorporando así a materialidade do soporte, o papel, como elemento que contribúe, por unha banda, a reforzar esa sobriedade y por outra, a resaltar a función documental das obras, nun xogo ambiguo entre a imaxe artística e a imaxe testemuñal.

A OBRA

LA CAZA. O sentido do humor, outra das características da obra de Elena Fernández Prada, está presente tamén na exposición, debido á narrativa absurda que resulta da relación entre cada un dos motivos que compoñen cada peza. Seguindo esta pauta, os gravados recrean acumulacións caóticas de animais e seres humanos, atrapados nun violento caos compositivo no que a loita parece ser o fío argumental, un caos resaltado formalmente pola ausencia de liñas de contorno no debuxo e unha organización espacial circular que parece obviar as leis da gravidade e, por tanto, da composición figurativa clásica. Os personaxes preséntanse así nunha maraña, flotando nun espazo neutro, nunha solución compositiva que xera certa confusión e un interesante dinamismo.

Como contrapunto, as tres tintas negras sobre papel son unha recreación da silueta das marañas representadas nos gravados, nas que é posible rastrexar a pegada das pinceladas aplicadas sobre o papel que, a pesar das diferentes calidades das mesmas, constrúen unha masa de tinta negra. Nos contornos adivíñanse siluetas de animais e persoas como única referencia figurativa. Estas pezas funcionan como un paradoxo visual. Son á vez representación e non representación, o contorno do debuxo anúncianos o representado e o resto, a mancha, nolo nega. Teñen á vez unha certa reminiscencia das famosas manchas que compoñen o test de Rorschach, unha referencia que encaixa de forma moi natural no universo visual de Elena Fernández Prada e a súa continua revisión das representacións científicas do pasado, á vez que parecen unha invitación a entrar no xogo de libre asociación que o test propón. Podería dicirse que, con estes debuxos, Elena Fernández Prada introduce unha certa crueldade, ao deixar patente ante o espectador o seu poder para mostrar ou tapar/negar o representado, á vez que descubre e propón unha nova mirada, retiniana e non narrativa, coa introdución da pegada e a textura da pincelada, en total contraposición coa figuración, característica de toda a súa produción ata o momento.

ISLA. O mural que se pode ver nun dos panos da sala, modula o ton xeral da exposición pola súa relativa espectacularidade en relación ao resto das obras de mediano e pequeno formato. Nel, magnifícase o recurso da condensación, resultando unha escena de trazos  oníricos, composta por elementos diversos, todos eles extraídos tamén da Enciclopedia Bruguera, que nos remiten a ambientes do cómic e o cinema fantástico e de aventuras. Mergulladores, insectos, peixes, paracaidistas, soldados, paleontólogos, dinosauros e plantas conviven sen solución de continuidade nun mundo imposible que compón unha especie de friso repleto de pequenas escenas ao xeito dos cadros de El Bosco. O título, Isla, suxírenos a posibilidade da súa existencia nun lugar remoto, illado do mundo coñecido. A condensación, ao contrario do que acontece coa obra gráfica, compón aquí unha paisaxe posible en canto á súa disposición espacial horizontal, repleta sen embargo de incoherencias narrativas propias da mellor tradición da colaxe fotográfica. A aparencia de ilustración infantil e xuvenil que domina toda a iconografía da peza, remítenos á publicación titulada Kalkitos, distribuída por entregas en España a finais dos anos setenta pola división de papelería de Guillete Española, S.A. que consistían nun fondo ilustrado  cun lugar baleiro que facía as veces de decorado (unha paisaxe do Oeste, unha batalla naval, etc.) e unha serie de personaxes e obxectos adhesivos que se pegaban na parte da  escena que o usuario elixira. Os Kalkitos representaban dunha forma moi lúdica e en clave infantil, certos procesos que teñen que ver coa descontextualización e a fragmentación da información, tan definitorios da iconografía posmoderna e foron un indubidable antecedente material do recurso do corta e pega, característico da cultura dixital. Cronoloxicamente, coinciden coa enciclopedia da que a artista extrae a totalidade das imaxes que forman a exposición, finais da década dos anos setenta, razón pola que quizais esta reminiscencia resulte tan natural.

ELLOS. A exposición complétase cunha serie de tintas sobre papel que, dispostas en cuartillas sobre unha vitrina, recrean a modo de retrato, diversas especies de simios extraídas da enciclopedia citada. Nestas obras o sentido lúdico e, en certo modo humorístico, muda nun certo estrañamento, provocado pola innegable humanidade da mirada dos simios e a súa maneira de posar como se foran retratos fotográficos nos que cada animal fora consciente do momento do disparo da cámara. Este detalle, o posado tan humanizado dos monos, muda o ton global da exposición, actuando de catalizador dunha mirada que agora se torna menos lúdica e máis inquietante. As escenas dos gravados que, a pesar da súa violencia, poderían ter parecido divertidas polo excesivo e absurdo das mesmas, tórnanse agora un pouco turbadoras; os debuxos a tinta negra, vistos antes como un xogo entre figuración e abstracción ou afirmación e negación da representación, se nos presentan agora como a negación dunha información que, polos seus contornos, nos parece tamén máis pertencente ao mundo do terror que ao mundo do humor e o mural, todo un verxel de fantasía infantil e xuvenil con sabor aos anos setenta, muda agora nun lugar ameazador, no que calquera criatura, por terrible que sexa, pode existir.

A exposición pasa así do absurdo humorístico ao absurdo terrorífico, nunha retórica controlada pola coidadosa elección e disposición das pezas no espazo expositivo, que ao final da visita fai evidentes as posibilidades da manipulación da información que, en última instancia, é un dos temas centrais na obra de Elena Fernández Prada. 

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2017 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo